Ir ao contido da páxina

Terra de Betanzos

O río Mandeo e o seu afluente, o Mendo, crean os vales que rodean a cidade de Betanzos, onde se concentran as terras dedicadas ás castes autóctonas desta zona. As condicións límite de luz e temperatura permiten a elaboración de viños singulares. As viñas están plantadas en solos francos e profundos e a poda e condución das viñas realízase manualmente e con mestría para garantir un axeitado control do potencial vitícola.

Os viños

Son viños lixeiros, de gradacións alcohólicas moderadas. Os elaborados a partir de uvas brancas presentan cor amarela pálida con reflexos verdosos; os aromas son froiteiros e florais e o sabor é lixeiramente acedo e con posgusto persistente. Os elaborados a partir de uvas tintas presentan cores de intensidade media de vermello-cereixa a vermello-cereixa escuro; aromas a froitos do bosque e o sabor é suave con estrutura e persistencia medias.

Variedades de uvas

Para os brancos: Godello, Branco lexítimo (Albarín blanco), Agudelo (Chenin blanc) e Palomino. Para os tintos: Mencía, Brancellao, Merenzao, Gran negro e Garnacha Tintorera

Historia e cultura

A aposta dos viticultores pola defensa das producións vitícolas propias desta zona xeográfica fundaméntase na reputación histórica da comarca como produtora de viños xa evidenciada en documentos como o Catastro de Enseada de 1752, que atribúe a esta zona unha superficie vitícola ao redor de 1100 ha, coa viña configurándose como práctica de monocultivo na maior parte dos concellos desta área xeográfica, así como na conservación e incremento de cultivo de variedades propias e tradicionais da zona xa citadas por Huetz de Lemps na súa obra Vignobles et vins du Nord-Ouest de l’Espagne (1967).

As asociacións de viticultores e adegueiros desta zona fomentan o valor dos viños desta comarca promocionándoos a través de eventos como a Feira do Viño de Betanzos que se celebra anualmente desde 1985.

Prego de condicións
Compartir:

As adegas

Descubre...